Observatorio de Gobernanza e Intelixencia Artificial (Calpurn·IA)
Como se goberna o público e como nos goberna a técnica: unha mirada civil.
Observatorio previsto. A súa actividade activarase de forma progresiva.
Que é
O Observatorio de Gobernanza e Intelixencia Artificial é unha das liñas estables de traballo da Plataforma Cívica Milenio. Reúne, de forma deliberada, dúas materias que o século XXI volveu inseparables: o bo goberno das administracións locais —transparencia, rendición de contas, calidade democrática, capacidade institucional— e o goberno da intelixencia artificial —a súa regulación, a súa responsabilidade, a súa aplicación no público e o seu impacto na cidadanía—.
A unión non é de conveniencia: responde a unha idea de fondo. A gobernanza democrática e a intelixencia artificial converxen nunha mesma pregunta cívica —como se decide, con que garantías e quen responde cando algo sae mal—, igual se quen decide é un pleno municipal que se é un sistema automatizado. A administración pública adopta cada vez máis ferramentas algorítmicas; as decisións que afectan a dereitos deléganse en sistemas cuxa lóxica non sempre é transparente; e a responsabilidade polos danos que eses sistemas causan converteuse nunha cuestión xurídica de primeira orde. Vixiar o bo goberno e vixiar o bo uso da IA son, hoxe, dúas caras da mesma tarefa.
O Observatorio conserva a identidade de Calpurn·IA —nome que evoca Aquae Calpurnianae, denominación romana de Ourense polas súas augas termais, coa grafía que destaca as letras IA para articular identidade histórica e innovación tecnolóxica— como sinal da súa dimensión de intelixencia artificial.
O que o Observatorio non é: un organismo de control institucional (esa función correspóndelle ao Consello de Contas, ao Valedor do Pobo, á xurisdición contencioso-administrativa e aos órganos de transparencia); unha plataforma de oposición política a ningún goberno; un centro técnico de investigación en IA (función das universidades); unha consultaría ou provedor de servizos tecnolóxicos ou xurídicos; nin un instrumento ao servizo de partido, administración ou empresa ningunha.
O que o Observatorio si é: un espazo civil independente de seguimento rigoroso e técnico da gobernanza local; unha estrutura estable de reflexión, formación e vixilancia cívica sobre a intelixencia artificial; un interlocutor cualificado en debates sobre calidade institucional, dereitos dixitais e responsabilidade algorítmica; un agregador de información dispersa; e unha ponte entre o coñecemento técnico-xurídico e a realidade social ourensá.
Contexto
Unha gobernanza local que esixe mirada cívica. A provincia de Ourense presenta un mosaico institucional complexo. A cidade de Ourense viviu en anos recentes unha situación política pouco habitual en concellos españois de tamaño medio, con consecuencias sobre a estabilidade da xestión e a confianza cidadá. A Deputación Provincial xestiona competencias relevantes para unha provincia con noventa e dous concellos, a maioría rurais e con cadros de persoal reducidos. Existen iniciativas civís estatais que vixían a gobernanza pública —Civio, Transparencia Internacional España e outras— pero ningunha con perspectiva especificamente ourensá, e existen institucións de control reactivas que esperan impulso cidadán. O Observatorio sitúase entre ambos os planos: achega sistematización local e capacidade de impulso, sen substituír a ninguén.
Unha intelixencia artificial que esixe goberno. A IA xenerativa cambiou en poucos anos o horizonte da automatización, os servizos e a toma de decisións. A Unión Europea aprobou en 2024 o primeiro marco regulador integral do mundo —o Regulamento (UE) 2024/1689 (Regulamento de Intelixencia Artificial)—, que articula un enfoque baseado no risco e unha categoría central, a dos sistemas de IA de alto risco, suxeitos a obrigas reforzadas. España foi pioneira ao crear a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña. Este marco abre unha oportunidade para a sociedade civil: traducir o debate a termos accesibles, vixiar a súa aplicación e orientar o seu uso cara ao territorio.
Ourense, un territorio onde a IA é cuestión de cohesión. O perfil sociodemográfico provincial —avellentamento extremo, despoboación rural, fenda dixital xeracional e territorial, tecido económico vulnerable— converte a IA en algo máis que tecnoloxía: nun asunto de cohesión social. Á vez, a provincia conta cun activo singular: o Grao en Intelixencia Artificial impártese en Ourense desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI-UVigo), con alta demanda e profesorado especializado, pero sen unha ponte estable coa cidadanía. O Observatorio sitúase nesa intersección entre capacidade técnica e necesidade social.
A converxencia: administración e algoritmo. Onde gobernanza e IA se atopan de maneira máis nítida é na propia administración pública: a adopción de sistemas automatizados na xestión, o acceso da cidadanía a documentación administrativa complexa, as garantías fronte a decisións automatizadas e a responsabilidade polos danos que eses sistemas poidan causar. Atender ambas as materias baixo unha mesma mirada cívica non é sumar dous temas: é recoñecer que o bo goberno do século XXI inclúe o bo goberno dos seus algoritmos.
Fronteiras con outros observatorios. O Observatorio coordínase co de Servizos Públicos Locais (que atende como funcionan os servizos; este, como se goberna e se decide), co de Urbanismo e Infraestruturas (planeamento e disciplina), e mantén a vocación transversal da IA, que coopera con todos os demais (acción social, educación, cultura, economía) a través da Ágora.
Que fai
O Observatorio articula a súa actividade en seis eixos complementarios, organizados en dous bloques —tres de gobernanza e tres de intelixencia artificial—, máis un eixo transversal (Ágora). Como no resto de observatorios da Plataforma, a activación efectiva de cada eixo será progresiva, en función dos recursos e das alianzas acadadas.
Para que
O Observatorio persegue seis obxectivos articulados:
- Mellorar a calidade institucional. Contribuír a que haxa menos erros de goberno, mediante vixilancia, boas prácticas compartidas e debate público informado.
- Construír confianza democrática. A confianza erosiónase coa opacidade e a ineficacia; a vixilancia cívica rigorosa, que premia o que se fai ben tanto como sinala o que se fai mal, contribúe a recuperala.
- Gobernar a técnica con garantías. Que a adopción de IA no público e no privado respecte os dereitos, sexa transparente e conte con mecanismos claros de responsabilidade e reparación do dano.
- Reducir desigualdades. Que a IA sexa en Ourense un igualador de oportunidades e non un acelerador de desigualdades, acompañando a quen a transformación tecnolóxica deixa á marxe.
- Xerar coñecemento aplicado. Análises situadas na realidade ourensá, galega e da eurorrexión, tanto en gobernanza como en IA, máis alá dos estudos xenéricos dispoñibles.
- Posicionar a Ourense. Como referente civil no debate sobre bo goberno e sobre IA e sociedade na eurorrexión e o espazo atlántico, por traballo sostido e resultados verificables.
Como traballa
O Observatorio é unha liña de traballo permanente da Plataforma Cívica Milenio. Carece de personalidade xurídica propia: opera baixo a dirección da Xunta Directiva, cunha persoa coordinadora designada e un equipo de colaboradores que pode integrar tanto a persoas asociadas como a colaboradores externos cualificados (xuristas —en especial de dereito administrativo e de dereito de danos—, economistas, politólogos, xestores públicos, enxeñeiros e investigadores en IA, profesionais do xornalismo).
Próximos pasos
Tras a inscrición rexistral da Plataforma Cívica Milenio, e cando a primeira Asemblea ordinaria así o acorde, o Observatorio prevé as seguintes actuacións iniciais:
- Designación da persoa coordinadora e do equipo inicial, con perfís de gobernanza pública e de intelixencia artificial.
- Aprobación do código deontolóxico interno (rigor, neutralidade, audiencia previa, apertura, cooperación institucional).
- Diagnóstico inicial dobre: cumprimento de transparencia activa nos principais concellos, e mapa do uso de IA nas administracións locais da provincia.
- Apertura de conversas con interlocutores institucionais prioritarios (órganos de control, FEGAMP, AESIA, ESEI).
- Primeira xornada pública sobre gobernanza e sobre IA e sociedade en Ourense.
- Identificación de convocatorias de financiamento compatibles (autonómicas, estatais, europeas).
- Deseño do primeiro programa estable de actividades, a partir dos seis eixos definidos.
Liñas de traballo
Eixo 1. Transparencia e rendición de contas
Seguimento do cumprimento polas administracións locais ourensás das obrigas de transparencia e publicidade activa (Lei 19/2013 estatal; Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno de Galicia e o seu desenvolvemento).
- Análise sistemática dos portais de transparencia municipais.
- Seguimento da publicación de información económica, orzamentaria, contractual e patrimonial.
- Solicitudes cidadás de información pública cando proceda, e análise das respostas (ou da súa ausencia).
- Colaboración coa Comisión de Transparencia de Galicia e con organismos homólogos.
Eixo 2. Calidade democrática e institucional
Análise do funcionamento dos órganos democráticos (plenos, comisións, xuntas de goberno, participación), da coherencia entre orzamentos e execución, e da capacidade da pequena administración local, que afronta obrigas crecentes con recursos limitados.
- Seguimento de sesións plenarias do Concello de Ourense e, progresivamente, doutros concellos relevantes; respecto aos dereitos da oposición.
- Análise do nivel de execución orzamentaria dos principais concellos e da Deputación, e da calidade dos servizos públicos.
- Identificación e difusión de boas prácticas de pequenos concellos; guías sobre obrigas legais recorrentes.
- Estudo comparado con concellos homólogos de Galicia e doutras comunidades.
Eixo 3. Foro deliberativo e bo goberno
Espazo público estable de reflexión, debate e proposta sobre gobernanza local en Ourense, aberto á cidadanía, profesionais, academia, cargos públicos e entidades sociais. Non é un foro contra ninguén: é un foro para algo.
- Xornadas anuais sobre o estado da gobernanza local en Ourense.
- Ciclo de mesas redondas e conferencias sobre temas concretos.
- Informes de seguimento periódicos e propostas estruturais (reformas regulamentarias, melloras de procedemento, instrumentos de transparencia).
- Audiencia previa ás administracións afectadas antes de publicar calquera análise crítica.
Eixo 4. Gobernanza algorítmica e responsabilidade por danos da IA de alto risco
Eixe destacado do bloque de intelixencia artificial. Atende ao marco xurídico da IA e, de maneira específica, ao réxime de responsabilidade polos danos causados polos sistemas de IA, en particular os de alto risco, unha das cuestións xurídicas máis relevantes que abre a nova regulación europea.
- Seguimento e divulgación accesible do Regulamento (UE) 2024/1689 (Regulamento de IA): enfoque baseado no risco, obrigas dos sistemas de alto risco, prácticas prohibidas, gobernanza e supervisión.
- Análise do réxime de responsabilidade por danos: a Directiva (UE) 2024/2853 sobre responsabilidade por produtos defectuosos (que incorpora o software e os sistemas de IA), a evolución da proposta de Directiva sobre responsabilidade en materia de intelixencia artificial, e a súa articulación co dereito español de danos.
- Atención ás garantías da cidadanía fronte a decisións automatizadas e aos mecanismos de reparación cando un sistema causa un dano.
- Cooperación coa Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e coa academia xurídica especializada.
Eixo 5. IA ao servizo da cidadanía
Intelixencia artificial aplicada ás necesidades sociais do territorio, con tres frontes que a realidade ourensá fai prioritarios: o acompañamento de persoas vulnerables, a alfabetización dixital e o apoio ao comercio local.
- Compañía: estudos e pilotos sobre uso responsable de IA no acompañamento de persoas maiores en soidade non desexada, cun límite claro —a IA acompaña, non substitúe o coidado humano— (en cooperación co Observatorio de Igualdade e Acción Social).
- Alfabetización: formación cidadá descentralizada en IA e competencias dixitais, con prioridade para persoas maiores e zonas rurais; materiais en galego e castelán; enfoque interxeracional con alumnado universitario.
- Comercio: acompañamento ao pequeno comercio e ás pemes na adopción responsable de IA, sen substituír o seu valor diferencial (en cooperación co Observatorio de Empresa e Comercio).
Eixo 6. IA na administración pública
O punto onde gobernanza e IA converxen de maneira máis directa: a incorporación da intelixencia artificial á xestión pública local e as garantías que debe respectar.
- Formación a persoal técnico de concellos pequenos sobre uso responsable de IA en tarefas administrativas.
- Análise crítica do cumprimento do Regulamento (UE) de IA nas administracións locais galegas.
- Proxectos piloto de accesibilidade cidadá a documentos administrativos complexos mediante IA (plans urbanísticos, ordenanzas, orzamentos).
- Vixilancia dos dereitos dixitais e das garantías fronte á decisión administrativa automatizada.
Eixo transversal. Ágora
TransversalActividade permanente de reflexión, debate público, publicacións e posicionamento sobre as cuestións xerais que atravesan ambos os mundos e cooperan co resto de observatorios: gobernanza algorítmica, dereitos fundamentais na contorna dixital, sesgos e desigualdades, sustentabilidade ambiental da IA, IA e democracia, e dimensións xurídicas internacionais da intelixencia artificial.
Principios de traballo
- Rigor. toda análise baséase en datos verificables, documentación contrastada, fontes citadas e metodoloxía transparente. As opinións distínguense dos feitos.
- Neutralidade partidaria estrita. os mesmos criterios técnicos a todas as administracións, sexa cal for a súa cor política.
- Audiencia previa. antes de publicar unha análise crítica, ofrécese á administración ou entidade afectada a posibilidade de achegar información e matices.
- Independencia. autonomía respecto a administracións, partidos, empresas tecnolóxicas e plataformas. As colaboracións son posibles; a dependencia, non.
- Apertura. metodoloxía, fontes e datos públicos e reutilizables, sen comprometer a privacidade das persoas.
- Dobre mirada sobre a IA. entusiasmo informado e crítica fundamentada; nin tecnoutopismo nin neoludismo.
- Cooperación institucional. relación de cooperación cos órganos de control e coa AESIA, subordinándose á súa autoridade técnica cando corresponda.
Aliados naturais
- Consello de Contas de Galicia, Valedor do Pobo e Comisión de Transparencia de Galicia.
- Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Deputación Provincial de Ourense e concellos da provincia.
- Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña.
- Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense e profesorado do Grao en IA.
- Universidades do Sistema Universitario de Galicia, en especial Dereito administrativo, Dereito civil (responsabilidade), Ciencias políticas, Economía aplicada, Informática e Comunicación.
- Civio, Transparencia Internacional España e outras entidades civís homólogas.
- Colexios profesionais (avogacía, economistas, secretaría e intervención local).
- Institucións académicas do Norte de Portugal no marco da eurorrexión.
Documentos
A calidade da democracia local non depende só de quen a goberna, senón tamén de quen a observa; e o bo goberno do século XXI inclúe, cada vez máis, o goberno xusto e responsable da técnica. Calpurn·IA aspira a soster esa dobre mirada desde Ourense.
Análises relacionadas con este observatorio
A IA na administración local: oportunidades e cautelas
Unha primeira aproximación ao papel da intelixencia artificial nos concellos da provincia: que pode achegar, que riscos comporta e con que garantías democráticas debería despregarse.
Promotor por designar
Promotor fundador